Friday 26 de April de 2024

A Xunta destaca que as casas do maior consolidan un modelo de envellecemento de proximidade de máxima calidade


Galicia ten hoxe en funcionamento máis dun centenar destes centros, superando as 500 prazas de atención diúrna gratuíta en concellos onde antes non existían estes servizos

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou hoxe que a aposta do Executivo autonómico polas casas do maior “consolidou na nosa comunidade un modelo de envellecemento de proximidade da máxima calidade, que permite que os maiores teñan acceso a coidados gratuítos preto das súas casas”. Díxoo durante unha visita á nova casa do maior de Coristanco situada na antiga casa unitaria de Agualada, coincidindo cunha xornada de portas abertas no centro.

Antón Acevedo apuntou na actualidade hai 104 casas do maior en funcionamento nas catro provincias, o que supón 520 prazas de atención diúrna en concellos onde antes non existían estes servizos, e polas que os usuarios non teñen que pagar nada. Así mesmo, explicou que esta iniciativa, posta en marcha en 2018, forma parte do compromiso do Goberno galego de achegar ás persoas maiores servizos de proximidade, que lles permitan vivir esta etapa das súas vidas onde e como prefiran.

Entre estes servizos de proximidade, destacan o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que leva coidados profesionais aos domicilios de case 27.000 maiores; o programa de Coidados porta a porta, co que se prestan servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria 100% de balde por toda Galicia; ou a teleasistencia avanzada, que pon a tecnoloxía a disposición dos maiores ofrecéndolles axuda e seguimento con tan só premer un botón.